Levarse como o pan ao leite



Que todos buscamos un punto de equilibrio é case indiscutible. Digo case, porque Sabela e Xoan máis ben van a contra. De feito falo literalmente, xa que aos dous lles gusta facer todo aquelo do que os demáis fuxen.

Cando ela contaba con sete anos, subiuse a unha das polas dun dos castiñeiros do seu pai e decidiu pasar alí todo o que restaba da tarde. O pai de Sabela bateulle con tanta rabia que todos pensaban que non volvería a facer unha cousa así. Pero cinco meses despois decidiu que a besta do Camilo era mellor que o triciclo. A paliza que recibiu da avoa foi proporcional ao medo da muller e do animal xuntos.

Xoán, o da Odulia, precedeulle en nacemento pero tardou un pouco máis en collerlle gusto as aventuras da sua amiga Sabela. Ao principio ría, logo comezou a propor pequenos xogos:

-Canto aguantas baixo a auga?

Dentro do río en pleno inverno.

-Sen freos...

Na moto do irmán, no tractor do avó. Os pais de Xoán prohibíronlle ir coa nena. Tamén fixeron o mesmo, o Camilo e a súa muller. A cousa foi a peor, xuntos non andaban, pero cada un seguía facendo pola súa conta de tal maneira que -por perigoso-, a noticia lle chegase ao outro.

-Dende o meu balcón á fiestra do Amancio
-Dous kilos de sugus en tres horas

Na noite de San Xoán, cando o neno cumpría dez anos, ambos decidiron celebralo pola sua conta. Comezaron a camiñar cara a capela, falaban do mestre e da Susana, cando chegaron ao cemiterio. Sorrir sorriron os dous, pero a Sabela un pouquichiño máis.

Parece que os veciños de Cabeza de Vaca andaban a recompoñer algunhas tumbas e para aforrar tempo e cartos, aquela noite os obreiros deixaron algúns buracos só cubertos por un plástico amarelo.

-Aí está a da miña irmá

Unha xemelga de Sabela que non sobrevivira o primeiro ano.

-Coidado


Foron baixando ata tocar coa caixa. Mellor dito, coas caixas. A grande debía ser da Xulia, tíavoa do Camilo, e a outra a da súa irmanciña.

-Ola Aurora, preséntoche a Xoán

Estiveron alí un bo anaco, ata que escoitaron, sobre as once e media, berrar aos pais do neno.

-Onde estivestes?
-Coa miña cuñada

Dous outonos despois o Xoán estivo moi maliño por unha intoxicación que colleu no comedor da escola. A Sabela foino ver ao hospital. Mirouno e achegóuselle ao oído:

-Se marchas... podes casar coa Aurora