Sexus e o demo




Polo ano mil novecentos oitenta, Xan subía ao Souto coas nenas e o Manoel. Xan viñera de Bilbao e, coma eles, pasaba os primeiros días do verán na casa da avoa que quedaba de camiño aos castiñeiros.

Manoel era fillo do tío Ramón e Xan da Silvana, filla da señora Rosa. Os dous cumpriran dez anos, un máis que Piluca. Piluca era dous anos máis nova que Sara e as dúas andaban a estudar nun colexio na Coruña.

Para os nenos era xenial ir ao Souto, nunca pasaba ninguén, agás cando o tío Ramón ía a buscar a egua ao monte. De todos os castiñeiros había -e hai- un cunhas enormes ramas que aguantaban incriblemente os xogos deles. Así que pasaban o rato subindo e baixando por el.

A avoa lle molestaba que a Piluca non lle gustara durmir con ela, por iso non disimulaba a súa preferencia pola outra nena. A neta máis xoven sabíao e lle daba igual, peor sería pasar a noite coa vella.

Que o Xan era moi feitiño, Sara sabíao. Que Sara era moi bonitiña, sabíao el. Nunha ocasión atopáranse mirando un cara o outro e o desacougo metéraselle no estómago.

A Silvana traballaba no corteinglés e, ese ano as vacacións tivéraas en setembro. O pai de Piluca e Sara era gardacivil.

Ao sábado a seguir, Sara fuxía de Xan, e despois do vermú, Xan fuxía de Sara. Pero na tarde do domingo, o neno nunha arroutada, tiráballe do brazo para bailar. Fóronse achegando ao camión das barcas para que non os vixen. Nada máis comezar a rapaza sentía tanta vergoña que botou a fuxir cara súa irmá.

O Manoel tiña que levar o gando e, as súas curmás as veces o acompañaban. Nunha ocasión perdéranse, e o tío Ramón berráralles. A nai das nenas berrara ao tío Ramón.

Ao martes de despois, logo da película da tele, saíran de novo cara o Souto. Xogaban a pillarse uns a outros. Cando lle tocara apandar a Xan, ambos os dous rapaces correran tanto que os demais deixaran de existir. Ela, empurrada polo medo e el, pola rabia.

A nena caera, Xan botouse enriba. O tremor e o noxo percorría a pel de Sara. El observouna. Así non, non podería bicala.