Por min que chova

-A xente da Galicia non ten lombo, polo menos iso di o Gran-dicionario-Século-21 da editorial Galaxia e edicións O Cumio. Ou máis ben deixa de dicir, xa que a acepción "espalda" non aparece na versión de entradas en castelán -do ano 2008, máis exactamente.


Se unha merca unha biblia, cre que nela vai a atopar todas as respostas, sen finitura de tempo e lugar. Cando unha compra un dicionario, pensa que vai a pasar o mesmo. Pero se non atopa a "espalda" unha pensa: -Isto non pode ser!, e despois, -Incrible, roubáronme sesenta euros, e máis adiante, -Reclamo? Que preguiza! e, -Por que non collería o de Xerais?


Os dicionarios para min son o que para algúns os evanxelios. De feito lembro un nadal, tiña eu oito anos, en que me regalaron un Anaya e, coa emoción, púxenme toliña de todo... Crédeo porque foi verdade! Coas tapas brancas e nelas escrito, nun verde algo raro, o comenzo do Quixote. -Que xoia! Que gran xoguete!, pensaría eu, a Nena neniña.


En fin, voltando ao de antes, as cousas son así, sempre diferente do conveniado. Explícome: cando encargas as mamparas do baño, queres cristal non plástico, cando falas coa modista para que che meta no vestido un pouquiño, queres dicir o que dis -un pouquiño!-, cando contratas o finanzamento do coche, entendes ben diferente, e cando che prometen casar, crelo!


Aínda así, con todo, despois de cismar uns días, afirmo que non cabe protestar, o grandedicionario ten razón, -Os galegos e as galegas, non temos lombo; porque se as cousas se poñen difíciles migramos, aínda que alí a onde cheguemos non nos dean as respostas que ansiamos, ou mellor, que precisamos.
Por certo, como diría Ramón María del Valle Inclán:
Y si no... también!