Não posso



Recén chegadas a Porto, o frío e a choiva rebulían unha contra outra. Costa abaixo, polas reviradas rúas, cara a praza dos Alidados, cara a Ribeira, cara nosoutras.
sms: Jaja. Traedes calcetíns pra durmir? Q portugués tan bo ten o "chino" da recepción!
A Pilar, que chegara antes, pareceulle boa idea asustarnos un pouco. Unha hora máis tarde aínda riamos a gracia no Majestic e, tres ou catro horas despois disfrutabamos dunha cea "lixeira" de francesinha-e-vinho-verde-da-casa, no Piolho.
Apretadiñas como estabamos entre as mesas e as cadeiras, as de madeira e as de carne, seguiamos a rir á vez que rondabamos a todo home que pasaba por alí. E non eran poucos.
-Ese, como está!
-Pois a mín non me gusta
-Vale, para mín entón
-E para mín -a Carmela
No menú, nas paredes, nas presas... ulía a estudante. Enganaba sen embargo, o murmuio das mesas, sen barullo, roto polas risas das mulleres.
-Umm!
-Xa o vín
-Parade un pouco!
-Jaja
Non se pode pensar mal se se trata de cinco mulleres bailando cara os corenta. Mulleres cuxas cargas familiares son as tarefas do seu emprego, algún diría que traballan coma homes... eu diría que bastante máis...
Coa sensación de ter a historia persoal incompleta, porque quen é completo en si mesmo? Para que existen entón os buratos? Non paspán, eses non, os que sintes durmindo na túa cama de un-cincoenta, recostada sobre o sofá do teu salón ou comendo nel, porque para quen por a mesa da cociña?
-¿Sois españolas?-o portugués da mesa do lado
-Somos
-Barça o Madrid?-o de antes
-Barça
Por dicir un, que a mín o que é o fútbol... A Nela si, ela entende, incluso de vez bota unha pachanga.
-Está mirando
-Quen?
-O do pepé -inconfundible estilo
-Jaja, non me extrana
E sen cortarse, a Lorena bótalle un brinde: (-Por ti meu rapaz, polo teu atrevemento.)
-Jaja
-Hola, -petando nas costas de Cristina- sí, mira, es que os mandan una nota...
-Como?
-Ellos que nos pasaron esto para vosotras
-¿Qué me dices? ¿De dónde eres?
-Valenciano.
Unha ducia de rapaces-homes andaban a esperar a resposta. Non por nada, por botar unhas risas (ou algo máis...). A ronda e o barullo deran froito.
-Que di a nota?
-¿Vosotras?
-Gallegas
-Ya, primero pensé que erais portuguesas, pero luego me dí cuenta...
-É un número de teléfono
Debatiron un pouco, decidiron que a devolvían cunha invitación para quedar nalgún sitio... O papel viaxou un par de veces dos homes cara as mulleres, das mulleres cara os homes... pasando polos Erasmus.
"Ven connosco" -foi a derradeira resposta
Demasiado para as-da-transición, por moitas lerias feministas que masticasen. Por fin erguéronse para pagar, a Lorena mirou ao rapaz, e diante de todos, berrou docemente:
-Nao posso
Aínda que, coma todas nós, rabeaba por ir...