Fillo de palleiro


O Senén ten 42 anos e dende polo menos vinte vai todos os días polos seus centocincuenta de metadona. O fillodeputa do médico non lla quere dar para a semana e a súa nai, xa está moi vella para irlla buscar.

O Senén xa aburre a tele, pasa o día no cuarto durmindo. A nai non está tranquila pero: -(Mellor aquí, non te movas). A casa enteira ule a prata, eu apostaría a que se lle fixésemos un control á nai do Senén, daría positivo.

O pai de Senén morreu fai cinco anos. Xubilárase ía oito anos. Pasaba o día na casa, sempre coa nai do Senén e co Senén, cando este non marchaba. Ao pai do Senén non lle gustaba ir por a metadona, pero xa abondaban as veces que fora a nai do Senén.

Unha tarde cando paseaban pola Alameda, atravesounos o seu fillo moqueando. Sentado no banco, sen sentilo frío, cos ollos pegañentos. Colleu do brazo a nai do Senén e levouna para casa.

-Onde vas?
-Esquecín botar a quiniela
-A cea xa está
-Xa veño
O pai do Senén apurou cara o banco. Agarrou ao Senén, tentou erguelo sen conseguilo. Berroulle coa carraxe de quen odia ao neno que ten enfronte. Respondía falando amodo, non se encaraba.

-Senén!

Un pouquiño conseguiu abrir os ollos para velo: Diante del, axeonllado, chorando.