As lagartas


-Estiven a facer contas
-De que?
-Das cousas que non fixen
-Ah
-E das que fixen
-Xa, e que non fixeches?
-Viaxar a Canarias, mercar o opel do meu irmán, quedarme coa Odulia...
-E cales fixeches?
-Joderlle os marcos do Castro ao Ramón
-Falas en serio?
-Veu para vendelo, non? -sen esperar resposta- Pois, que máis lle deu aos de Ramirás uns centímetros menos...
-Sería máis...
-Jaja

Carmelo mira ao Xosé.

-Casar coa Odulia?
-Non, tanto non
-Eu non coñezo ningunha Odulia
-E eu tampouco
-Entón?
-Pero ao Xosé Ferreiro Lema- falando por el-, lle quedaba ben unha Odulia
-Pero se ti casaches coa Xoana
-Xa
-Se non coñeces a ningunha Odulia e casaches cunha Xoana, por que dis o que dis?
-Porque cando o meu pai me ía recoller ao colexio, sempre se atopaba coa Odulia
O Xosé mira ao Carmelo.

-Era da mestra
-A nena?
-Non... a cadela
-Carallo!
-Vaia ollos e como erguía as orellas cara o monte!
-Jaja
-Riste? Aquela cadela levábao dentro
-O que?
-Era sicóloga... A hora do recreo achegábase aos nenos sen rozalos e esperaba que algún deles lle tirase un anaco do seu bocata...
-E?
-Que cando iso pasaba non o collía, miraba como o comían as pombas
-E?
-E entón, con xixilo, atrapaba un daqueles paxaros
-Bueno
-Espera, aínda non remata aquí
-Mantíñao entre os dentes e cando chegaba o meu pai, ía cara el
-E llo daba
-Non, soltábao
-Para?
-Para explicarlle que dixesen o que dixesen os demais, a miña nai non era muller de estar presa
-A túa nai?
-Si, xa levaba dous anos que se largara. Non tiven noticias dela ata que veu ao enterro
-Do teu pai?
-Dela
-Vaia. E o teu pai non se enfadaba coa cadela?
-Non, en vez diso, acabou na cama coa mestra