Hoxe eu son quen calo, hoxe toca escoitar. Espidos de traxe con paxariña branca e negra, agora, falan eles.
-Imos festexar o día dos mortos
-E logo?
-O Blas gañoume dúas galiñas xogando á brisca
-E?
-Tamén perdín as pasadas eleccións
-Bueno
Doe. Só un pouco. Mentres rasco o que me pica, perdo a liña do discurso.
-Escoita
-Xa... -enfadado
-"Legamos e deixamos en herdanza o que nos pertenceu e amamos mentres vivimos; aquilo que formou parte do noso ser espiritual e material mentres puidemos sentir, amar e desexar. E facémolo co fin de perdurar, porque o que legamos, como o que nos foi legado, fose este un ben material ou inmaterial, formou algún día parte de nós, fomos nós nalgunha medida" -Anxo M. Lorenzo Suárez
-"Os seres humanos somos memoria: memoria sucedida e memoria anticipada que confluímos arestora aquí, no presente" -Olalla Cociña Lozano
-"Gardade na lembranza as paisaxes, os momentos, as palabras, as voces. Achegádevos humildes aos humildes e coa cabeza ergueita aos que se coidan poderosos"-Baldomero Iglesias Dobarrio "Mero"
-Canto vai durar?
-Cala
Onde andas no cotiá? Que fas que non te atopo?
-"...no que atinxe ao diñeiro; e que meus herdeiros lle atopen bo e axeitado uso ao adival e ao trelo, e ao resto dos aparellos, que uniron no meu sangue chaira e montaña. (...) De resto, déixolles a todos eles a miña lingua, a que me deron, remoín e compartín, para que a través dela reciban e dean todo o bo que eu non puiden, co mandado de que a sementen na fala do meu afillado, para que medre vigoroso en terras mesturados" -Quico Ónega López
En fronte:
-Prostitutas comendo na mesma bandexa, "pollitos bien", nenos "foulard e de rubí" que fan do inglés a súa loita persoal:
-"Aos iguais trátase igual,
aos diferentes, diferente.
É de xustiza."-mestre
Axeónllome.
Verbas mergulladas no meu subconsciente:
A pouco de todos os santos,
a nada de defuntos,
deixádeme rir e chorar na lingua nai que,
un día houbéronma de asasinar...
*Homenaxe á campaña En galego, agora e sempre