Chorima


Hai amores que son como a fror do toxo. Si, desa que tanto se fala pero non se lle sabe poñer nome. Algúns son pequenos, outros violentos (apaisoados, queremos pensar); hainos cómicos e incluso, hainos interesados. Pero ningún como o da Lela polo Antonio. (Non pode haber comparación.)

O da Lela era un sentimento que apareceu xustiño cando llo presentaron. Un amor amarelo, como o da chorima e, afiado, como as suas espiñas.
-Lela, gústache o neno? Pero, que bonitiño que é! A que si, Lela, a que si...

A nena ollouno no cochiño mentres o Antonio andaba a devorar a "chupeta" . De súpeto, rabeou e colleulla.

-Lela, que fas? Devólvella ao neno! -mentres lla quitaba da boca.

A Lela arrincou a chorar, repetíndose a historia dalí en diante. No colexio, no pub,... vestidiño de primeira comuñón ou co bañador no río. Pero, máis rabeou cando acudiu a súa voda e lles regalou unsobrecondouscentoseuros. (Os cartos sempre están ben.)

Podería ser que el se dera conta, pero non. Pola contra, o Antonio non entendía porque a Lela "non o tragaba". Non lembraba se lle fixera algo de neno ou de máis adiante. E por riba, a nai do Antonio chamábao cada vez que ela pasaba preto.

-Antonio, a Lela!
-Ola Lela...

E púñaxe firme como se ela fose o seu sarxento. O Antonio non fixo a mili, pero figuráballe. E é que sempre estaba a espera dun empurrón ou dunha mala contestación.

Pasaron uns cantos outonos, e o matrimonio do Antonio acabou por esnaquizar. Pensión alimenticia e fins de semana alternos. Volta (de momento,-pensou) a casa.
-Antonio, a Lela!
-Ola Lela...

A muller mirouno desafiante:

-E si o que queres é casar comigo,... por que non aforraches tanto conto?