Cul de sac (dous)



"Érase que se era un responsable dun servizo. Ímolo chamar Manoliño. Érase que se eran un montón de rapaces. Imos, imos debuxalos tal que porquiños."

-Entón asinamos o convenio?
-Asinamos, don Conselleiro

"Tódolos luns, irán a Santiago, para revisión e arranxo. Virán de Burela, de Tui,... os porquiños, nas furgonetas, así xuntiños."
O convenio, sinxelo,
un asento contable... Aforramos papel, meu,
na mesa do Conselleiro.

"Pasarán a tarde na tenda do Manoliño, os porquiños, os gandeiros... Dende Verín, dende Miño..."
Deus proverá e, o que desplanifique o planificado,
mal planificador será.
"Unha tarde, o Manoliño recibiranos con contos, lápices de cores, castelos de papel. Contentos os gandeiros, os porquiños de sorrisos cheos... Xa só faltarán as pilas ao tren!"

Mandarán de visita ao fillo do comendador-que fará?-,
quen encomende ao comendador, bo encomendador será.
"O Manoliño daralle o café e asinarán con pastas de té. Mais ao luns que a seguir xa non haberá contos, lápices de cores, castelos de papel nin tren... Dende Barbadás, dende máis alá,..."

A viabilidade é desviable,
o que desvíe o administrable,
bo administrador será, miña comadre.

"O Manoliño, gardará os cartos no seu bolsillo. Os gandeiros e os porquiños, estarán cansos de tanto bailar. Farán contas dos paseos, andarán a remendar. "

Bonito sorriso o do contable, lápices de cores para o político. Imos contar meu, un asento contable teu, tres, en fin, para min...
"E non esquezas a moralexa,
de quen se queixa:
A miña caixa, a túa,...
non é maxia, é única."
Planificando ando, tralará, tralarando,...