Ron-ronea cacique

Como auga de maio chegou escapado a aldea. Veu, fai dous veráns, para quedar. Ao ano seguinte prantou a súa primeira cosecha de millo, as súas primeiras patacas, e na hortiña do Rial, maduraban os seus primeiros tomates. Non chegaba a calidade dos produtos dos seus veciños, pero quitáballe máis beneficio. En dous anos xa tiña un dos mellores postos da praza de Cabeza de Vaca, todo o que non sabía do campo, superábao no negocio da venda. Facía a mellor mercadotecnia, controlaba a loxística e non se mareaba coa postvenda. Pero no que máis disfrutaba era coa contabilidade. Tanto era así que cambiara o sexo polos números.
-Paco -ao teléfono
-Si
-Podo atenderte as oito
-Alí estarei
Asinar un contrato co banco non era cousa doada. Para Paco sen embargo era como para unha modista afiar unha agulla.
-Canto, entón?
- Catrocentosvintemil euros
-Jaja
-Amancio, falo en serio
-Pero ti sabes en que te metes?
-Algunha vez non o souben?
Redundante, porque o Amancio non o coñece tanto, pero soa tan convincente...
-Déixame o proxecto para estudalo
-Telo todo aquí, se tes algunha dúbida, chámame
Na aldea andan os cans a pacer nos sembrados. Todos son dúbidas, para qué chamalo.
-Seica o Paco vai montar un hotel
-Ai si?
-Pediu máis de cincoenta millóns de pesetas
-Xesús!
Falan de cartos. O alcalde ulíu.
-Paco? -ao teléfono
-Si?
-Son Fernando
-Dos do Galo?
-Si, non,... O alcalde
Parece que a Fernando non lle chistou que lle chamara polo alcume. Quere velo, nesa semana se pode ser.
-Bos días
-Boas
-Seica vas montar un negocio
-Xa o teño, teño un posto na praza
-Non falo diso
-Ando a pensalo
-Dicíacho porque nos podemos prantexar un proxecto xuntos, que beneficie aos da aldea
-Xa
De qué andamos a falar. Por qué temos esta conversa. "-Eu non te chamei. -En realidade, eu tampouco."
-O concello está a decidir sobre a nova ubicación do parque empresarial
-Pero si o anterior está valeiro
-Iso foi cousa do lerdo do Coto
-Pero non sodes do mesmo partido?
-Pero no goberno anterior non se tivo en conta a perda de inversión europea e as necesidades dos empresarios do textil
-E agora con menos cartos, hai máis...?
Mentres o Galo falaba ao Paco lle viñeron gañas de mexar.
-Fernando, onde está o baño?
-Saíndo na porta do fondo do corredor
Sacudir as gotas, metela de novo, revisar a cremalleira. Lavar as mans, mirarse ao espello.
-Entón?
-Entón que?
-Imos darlle un impulso a aldea?
-Unha pregunta?
-Si
-Tedes concelleiro de Portos?
-Non Paco, aquí non hai mar!
Pasaron catro meses e ao Paco lle concederon o préstamo, xustiño dous días despóis de estrear o novo despacho de Portos.
-Paco? -ao teléfono
-Si Manoel?
-O Antón non vende
-Déixamo a min
Un raposo máis no galiñeiro.