Como corpo sen alma

Despistada e coa sensación de ser consciente de que trabucarse na proxección dunha mesma é un vicio moi común. Coñecedora da maldición da soidade, sinto o desgarro na gorxa, a queimazón entre o iris e a pel que o protexe.

A maxia que comeza na morte do amigo, na do fillo da irmá, na dunha mesma. Non estou para contos... están a soterrar a Xoán.

Non podo parar de camiñar, aínda que sinta o abismo debaixo dos meus pés, enfronte da miña sombra. As escuras, non son quen de tropezar coa sorte. Tampouco de non facelo. Miro aos estantes. Aspiro o pó da miña tolemia sen diagnose. Non son quen de narrar a historia dos meus, de min mesma.

Sepultados os pasados daqueles que se cruzaron no meu paseo, énchense de cadáveres as miñas angurias. Aborrecida de contidos valeiros. Hoxe sinto que morro.
Morro un pouquiño máis.
Sintoo... non son quen de estar a altura do nicho.