Despois de Tódolos Santos


"-Doña Adelina Ouro Dourado ha fallecido en Candás el día 30 de octubre de 2009, a los 84 años de edad. Después de recibir los Santos Sacramentos y la bendición apostólica de su Santidad. Sus hijos Gumersinda, Antonio y Pablo, hijos políticos, hermanos Sara y Luís, nietos y demás familia ruegan una oración por su alma..."

-Lolo -Nela
-Shsssuuuu- avoa
-Perdón-Nela
-Escoita-avoa
"-Se celebrará en la capilla de Candás el domingo, día 1 de noviembre, a las 12 horas..."
-Pásame o pan- Nela
-Queredes calar!-avoa
-(Sinto)-Nela
"-...pasará por Verea, Ourille, Casaldabade,... llegando a las 10 horas a ..."

A avoa estivo atenta tamén na segunda volta. Dende fai non sei cantos anos, as 13 horas puntualmente: A radio por riba da neveira, o volume trescentas veces máis alto do normal e a voz das necrolóxicas acompañando no convite.

Hoxe andan os netos a compartir o polo preparado na cazola. Un pouquiño de aceite e un chisco de allo. As patacas cocidas aparte, e algunhas máis da conta para deixarlle as galiñas. Vai frío fora, a cociña está prendida e os xamóns aínda gotean. O unto para quen o leve. Nos non o queremos, di a nai de Nela e Lolo.

-Queredes descafeinado ou vos preparo un café?-avoa
-O que ti tomes-Nela
-Fágovolo?- avoa
-Non, collemos outro sobre-Lolo

Algunhas cousas cambiaron.

-E logo que lle pasou ao Ramiro?-Lolo
-Parece que deixou á Lola e foise cunha desas- enténdese puta e latina- Os homes son uns tolos. Dous neniños, deixou a Lola cos dous neniños.

-Igual a Lola está mellor sen el -Nela
-Jaja -Lolo
-Non che sei -avoa
-Cando vai facer o tío a matanza este ano? -Lolo
-O Ricardo pediuna para o (fin de semana) que ven -avoa- e a Manuela, xa pedira o último de novembro
-Entón? -Nela
-Imos ver -avoa
-Témolo que saber -Nela

Lolo abre o tiro da cociña, a roupa cheira a fume.

-E de mozos qué tal-avoa
-Jeje- Lolo
-Igual que sempre -Nela
-Ai, ai- avoa
-Jaja -Lolo
-E a Lorena? -avoa
-Na casa cos seus pais -Lolo

Van tres-cero. Do Lolo todas.

-Temos que marchar -Nela
-Esperade que vou apañar unhas berzas -avoa
-Non hai tempo-Nela
-E tamén cóllovos as mazás -avoa
-Avoa, non precisamos... -Nela

Non fai caso, vai polas bolsas. O coche espera na porta, co maleteiro aberto. A avoa chora e bica a través da ventaniña.
-Se tedes que estudar non veñades? -avoa

Quedas.
Quedas a espera de que outro escoite a túa necrolóxica: As 13 horas, coa cociña afumando a roupa e co volume tan alto que parece querer avisar aos propios mortos.