Soberbia


Despois de non sei cantos fins de semana sen sair, por uns e outros motivos, por fin, algo cansa, calcei os tacóns e collín o ascensor. Estes soan máis forte do que eu quixera, o zapateiro xa mo avisou; pero iso, ou o visito tódalas semanas. Toc, toc, tooooc. Merda, enganchouse entre os enlousados. Xa está.

sms: Vooou

O de chegar tarde creo que ten que ver coa mesma presa. Outro día que teña tempo volo explico.
O Lamela está cheo... de mulleres. En fin.

-Ola -eu
-Ola -Laura
-Ola -Marta
-Cambiamos ou quedamos? -eu
-Xa levamos un rato, podemos ir ao Katuxa -Marta
-Vamos -Laura
-Vale -eu

Marta está preciosa e Laura discreta, coma sempre. As dúas, están coma sempre.

-Gústame a camiseta -Laura
-Revolvendo no armario -eu
-Ben elexido -Laura

Unha cadeira por piedade! Acabo de darme conta de que non teño gañas de falar, nin de mirar a ninguén. Nin siquera me molesto en observar ao camareiro mentres me serve...
-Uii -poño a man entre a botella e o vaso
-(Grr) Moito? Un día é un día -o camareiro
-Je (Xa, pero hoxe non estou para desinhibicións ilusorias)- eu

-Ti ías a Matemáticas?
-Este é Manel, irmán de Lucía -Marta
-Deixeino -eu
-Entón mentres ti cargabas me animabas -Manel
-(¡? Grrr) -eu
-E que tal? -Manel
-(Outra vez) Ben (menos bébeda, máis delgada,... paspán) -eu
-A que te adicas? -Manel
-Son mestra -eu
-Mestra de? -Manel
-Primaria -eu
-E que tal? -Manel
-Moi ben (Con todo o meu cabelo. Lucindo pernas) -eu
-A verdade e que vivides ben -Manel
-Nin tanto (se ti o dis) -eu
-Eu teño unha academia -Manel
-Ah, e qué... notas a crise? -eu, deixando notar o meu aburrimento
-Je -Manel
-Ola! Que tal? Onde estiveches? -Anxo
-Ben, ola. Non sei, descansando un pouco das noites -eu
-Estás preciosa, pero o sol non che deu moito -Anxo
-Xa (e ti es ben lambón) -eu
-Alégrome de verte, e Marta? -L
-Por aí, atrás (Sen dúbida outro barrigas!) -eu
-Chao -Anxo

-E gústache o teu traballo? -Manel
-Sí, moito (pero aínda andas por aquí!) -eu- Laura, tes un cigarro?
-Toma. Viches a Xulio? -Laura
-Non (e non me apetece) -eu
-Estivo falando con Marta -Laura
-Xa -eu
-Que che pasa? -Laura
-Nada -eu- o cansazo

Maldito espello. Non me sinto. Non me sinto. Asasinámolas a todas?

A realidade non é tan soberbia coma as nosas angurias.