Pemán


En Rabo de Galo hai un pemán. Para quen non me entenda, quero dicir que hai un homedotempo. En realidade, hai alomenos un home ou muller do tempo en cada fogar de calqueira das dúas aldeas, o caso é ter algún problemadeósos.
-Vai chover
-Pois non parece - mirando ao ceo
-Doenme os xeonllos
-Xa
Pero cando digo que hai un pemán, quero dicir que hai un especial, e ese é o xenro da Engracia, o Lalo.
-Lalo, onde vas?
-Ao monte a coller leña
-E logo?
-Vai chover e despois non seca -cheo de razón
E Lalo trae madeira dos castiñeiros para dous invernos. E bueno secar, secaría, para iso tivo toda a primavera e o verán, aínda que a leña verde...
-Lalo, que fas?
-Vou prender o forno para cando veña a avoa
E a avoa rifa co Lalo. "Non vai frío Lalo, non vai frío."
-Lalo, que queres?
-Ese bañador
O demáis xa o imaxinas.
Unha tarde o Lalo namorouse. Viuna baixar do Villalón. Estaba tan bonita con ese vestido amarelo e as súas sandalias brancas campando co bolso da mesma cor.
-Ten hora?
-As dúas, señorita -Lalo
-Vaia
-Perdeu o bus? -parecendo apesadumbrado
-Sí
-Sinto -Lalo
Entón o Lalo decidiu xantar na estación. Colleu a caixa co quico que mercara na praza e entrou na cafetería.
-Ola -Lalo
-Ola -ela sorriu
-Que aproveite -Lalo
-Gracias, igual
A sopa estaba quente, e a cociña mandaba calor que afogaba. Entón o Lalo comezou a quitarse roupa. A muller observaba dende a súa mesa e sorría.
-Lalo, vas tomar polbo? -o camareiro
-Sí
E Lalo seguía quitando outra chaqueta e outro xersei, e máis outro. A rapaza seguía a mirar e o Lalo sorría.
-Lalo, vas querer café? -o camareiro
-Sí
Antes de que a señorita terminase de pedir o seu postre, o Lalo xa estaba a pór cada unha das pezas de roupa que sacara. Non deixaban de mirarse e de sorrir. Os dous sairon a vez. Xa na rúa, refrescara algo, pouca cousa, pero suficiente para que a moza tremara un pouquiño.
-Señorita, quere unha chaqueta? -Lalo
-Sí- respondeu a filla da Engracia